O estudo presentado hoxe por CENATIC reflicte que o software libre está presente na práctica totalidade das Universidades e Centros de I+D españois.
CENATIC presentou hoxe en Madrid, na 3ª asemblea da comunidade Morfeo, o "Estudo sobre a situación actual do software de fontes abertas nas Universidades españolas e Centros de I+D españois". Trátase do primeiro informe que incorpora información cualitativa e cuantitativa do estado de implantación e uso das tecnoloxías libres no mundo académico e investigador en España.
O informe, elaborado por CENATIC a través do Observatorio Nacional do Software de Fontes Abertas (ONSFA), en colaboración co grupo Libresoft da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, e o grupo CRUE-TIC-SL da Comisión Sectorial do TIC da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, inclúe os resultados dunha enquisa sobre o uso de tecnoloxías de fontes abertas na Universidade española, así como o estudo de 25 casos de implantación, desenvolvemento e promoción de tecnoloxías libres, e unha selección de 20 proxectos I+D en torno ao software de fontes abertas financiados por programas de ámbito estatal e europeo.
...A Asociación KDE España organiza un ano máis a Akademy-es, a reunión hispana de usuarios e desenvolvedores de KDE. Este ano a coorganización correrá a cargo de Itsas, o grupo de Software Libre da UPV/EHU (Universidade do País Vasco) coa colaboración do Departamento de Cultura do Goberno Vasco. Celebrarase os días 7, 8 e 9 de maio na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Bilbao.
Durante o evento realizaranse charlas, obradoiros e outras actividades (saídas, ceas, ...) coas que se pretenden acadar os seguintes obxectivos:
Dende a OSL da USC infórmannos que completaron a revisión da localización do navegador Firefox 3.6 que irá incluído como navegador predeterminado na vindeira Ubuntu LTS 10.04.
Esta revisión únese ao excelente traballo realizado na revisión e tradución do GNOME 2.30 e complementarase cunha estreita colaboración cos membros do grupo de localización de Ubuntu para obter unha tradución de calidade e o máis completa posible da nova versión de Ubuntu.
Estas actividades responden a que a vindeira Ubuntu é unha versión estable no tempo e cun período de mantemento longo (LTS). Isto confírelle unhas características que lles permite ás empresas e institucións que precisan dun contorno eficaz, probado e robusto decidirse pola súa implantación.
Debido a importancia que ten o navegador Firefox, a Oficina dentro do seu tempo e capacidades, decidiu comprobar o estado da tradución da versión 3.6 e realizou un informe sobre o traballo realizado para adaptar a tradución para a versión de Ubuntu que implanta na universidade. A OSL xa enviou este informe á lista oficial do proxecto de localización ao galego dos aplicativos de Mozilla.
...
Openshot é un editor de vídeo non lineal para GNU/Linux que leva certo tempo xa creando expectativa. A orixe deste editor está na man de Jonathan Thomas, usuario de Ubuntu que buscaba un editor de vídeo potente, estable e fácil de empregar. Apenas dous meses despois da publicación da versión 1.0 de OpenShot, os seus desenvolvedores anuncian a dispoñibilidade da nova versión 1.10. Ademais das habituais correccións de erros, inclúe novas e interesantes características así como un gran número de melloras.
O éxito de OpenShot non radica nun amplo catálogo de opcións e menús, senón na inclusión de gran cantidade de efectos e transicións e nun uso intuitivo e sinxelo. A primeira vista, presenta una interface moi semellante á de outros editores de vídeo como por exemplo o coñecido Windows Movie Maker.
...A asociación de usuarios de GNU/Linux de Ordes, inestable.org, anuncia na súa web que dentro do seu plan de traballo deste ano 2010, na sección de charlas e conferencias nos Centros Educativos da comarca de Ordes, impartirán, durante este mes de Marzo, 4 novos relatorios de introdución ao software libre no IES de Oroso.
As charlas impartiránse a 2 grupos de rapaces de 3º de ESO.
A comunidade Mozilla Hispano celebrará durante a tarde do vindeiro sábado día 13 de marzo, nas instalacións de Media Lab Prado, en Madrid, un DemoDay de aplicativos libres. Contará coa colaboración de Iniciativa Focus eo grupo de investigación GSyC/Libresoft. A entrada é gratuíta e libre só restrinxida polo aforo do local, polo que é preciso realizar unha inscrición previa.
Segundo comentan os organizadores, este evento servirá para que as persoas que non estean familiarizadas cos aplicativos libres poidan ver en directo como funcionan e convencerse da súa utilidade e para aqueles que xa coñecen os aplicativos que poidan aprender a tirar maior proveito dos mesmos. Os aplicativos que se empregarán son, entre outros, Firefox, Thunderbird, OpenOffice.org, Gnome e Ubuntu.
...O próximo día 10 de marzo terá lugar no Auditorio de Telefónica I+D en Madrid a Asemblea anual da comunidade Morfeo. Dende a comunidade estenden un convite a toda a comunidade para asistir, sen máis que rexistrar a súa asistencia na web do proxecto.
A Comunidade Morfeo converteuse nun referente no ámbito nacional e internacional para proxectos de I+D. O licenciamento OSS da tecnoloxía desenvolvida favoreceu un ecosistema de “open innovation”, favorecendo a innovación e aumentando a eficiencia do gasto en I+D de Administracións Públicas, grandes empresas, Universidades, Centros Tecnolóxicos e pemes. Como resultado máis de 100 organizacións forman parte xa da Comunidade Morfeo.
Ata este momento confirmaron asistencia máis de 25 organizacións e 60 asistentes, polo que a Asemblea será unha excelente oportunidade para coñecer o panorama tecnolóxico nacional e establecer redes de colaboración. A fin de dar cabida aos diferentes colectivos que integran a comunidade, definiuse unha estrutura de actividades en tres bloques: Negocios, Comunidade e Conferencias (SEO Experience, Cloud Computing e OSS en Educación).
A axenda provisional do evento aínda é:
...Coa incorporación de Euskadi son xa 8 as comunidades autónomas presentes no Patronato de CENATIC ademáis de 4 importantes empresas do ámbito privado.
O pasado día 1 de marzo tivo lugar na sede da Sociedade Informática do Goberno Vasco, a primeira das reunións de traballo entre CENATIC e o Departamento de Xustiza e Administración Pública do Goberno Vasco. CENATIC é o Centro Nacional de Referencia de Aplicación do TIC baseadas en Fontes Abertas, unha Fundación Pública Estatal coa misión de promover e divulgar o uso do software de fontes abertas en todos os ámbitos da sociedade, cunha énfase especial nas administracións públicas e as pemes tecnolóxicas.
A incorporación do Goberno Vasco como Patrón da Fundación CENATIC foi aprobada na última sesión do Padroado da entidade, celebrada a principios de febreiro en Madrid, baixo a presidencia de Francisco Ros, Secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información.
Esta primeira reunión, serviu como punto de partida da actividade como Patrón do Goberno Vasco na Fundación CENATIC, e permitirá un coñecemento máis profundo dos plans estratéxicos que ambas as entidades están a levar a cabo na promoción do software de fontes abertas, así como a coordinación das liñas de actuación. Á aposta do Goberno Vasco polo software de fontes abertas hai que engadir a importancia que estas tecnoloxías teñen xa nas empresas, universidades e centros de investigación de Euskadi, onde o seu uso está bastante estendido.
No portal LinuxLinks.com fan unha boa análise de 5 aplicativos libres de alta calidade para a recuperación de datos.
Os datos son un activo vital en moitas organizacións, polo que moitas delas fan uso de servizos profesionais de recuperación que habitualmente teñen un custe moi elevado. Mais isto último é un handicap para pequenas empresas que non poden permitirse a contratación destes servizos. Neste caso unha boa estratexia consiste na elaboración dun plan de salvagarda e recuperación baseado no uso de ferramentas libres que vaia máis alá da realización de copias de seguranza e salvagarda da información de particionado do disco duro. E aquí é onde é recomendable o estudo e familiarización cos aplicativos presentados neste artigo para estar preparados ante unha eventual situación de crise.
Calquera administrador de sistemas cunha traxectoria profesional máis ou menos extensa, de seguro que nalgunha ocasión tivo que enfrontarse á necesidade de recuperar datos dende un dispositivo de almacenamento danado ou corrupto. Aínda que as principais distribucións Linux realizan análises de rutina para identificar e reparar inconsistencias nos sistemas de ficheiros, non é prevención, suficiente, xa que estas análises non son quen de detectar problemas de hardware que poden existir durante certo tempo ata os seus efectos seren notables para o usuario.
...A Apache Software Foundation anunciou onte o décimo quinto aniversario do servidor web Apache. Trátase do proxecto insignia da ASF e é o servidor web máis popular do mundo, empregado actualmente en máis de 112 millóns de sitios web. Nos seus primeiros seis meses de vida converteuse no servidor web máis popular, posto que aínda non deixou de ocupar.
Segundo recolle o anuncio da ASF, isto supón un triunfo para todos os voluntarios da Fundación, pois o Servidor Apache HTTP ofrece petabytes de datos de forma fiable para os sitios máis esixentes do mundo, como fontes de información en tempo real, clusters de computación na nube, plataformas de servizos financeiros, as plataformas de aplicativos para misións crítica da intelixencia militar, as redes de comunicacións aeroespaciais, e moitos máis.
Gran parte do éxito deste servidor débese a que que pode ser descargado, instalado e modificado por calquera de forma gratuíta, xa que se distribúe coa licenza libre Apache Software v.2.0.
...A primeiros deste mes publicouse no OSOR, o repositorio europeo de fontes abertas, con licenza EUPL unha ferramenta destinada a facilitar ás organizacións de axuda humanitaria o intercambio de propostas e informes por medios electrónicos co Departamento de Axuda Humanitaria da Unión Europea (ECHO). Publicouse .
A ferramenta, denominada ECHO Offline eSingleForm, permite aos usuarios codificar as súas propostas e informes nun formato predefinido. Este formato de documento, o Single Form, é un dos requirimentos para a presentación de propostas de proxectos humanitarios a ECHO. Segundo a descrición dos propios desenvolvedores, “a ferramenta ofrece unha interface de usuario e axuda para a elaboración do documento nos seus computadores e que logo poden subir directamente ao sistema APPEL para iniciar o proceso de aprobación de ECHO.
...Por medio dunha carta aberta, a FSF pídelle a Google que libere o codec de vídeo VP8 e que lle dea un impulso para a súa estandarización empregándoo en Youtube.
Coa compra da compañía de tecnoloxía de compresión de vídeo On2, Google posúe actualmente tanto o maior sitio de vídeos da web (YouTube) como todas as patentes de vídeo detrás dun novo codec de alto rendemento – o codec VP8. Segundo a FSF abondaría con que Google liberase este codec cunha licenza irrevogablemente libre de regalías e ao tempo promovese o seu uso entre os usuarios de YouTube para acabar coa dependencia respecto dos formatos de vídeo baseados en patentes e o uso de software privativo (Flash) na web.
Segundo lle explica a FSF a Google na carta, isto sería moi beneficioso para a comunidade. O mundo tería un novo formato libre non comprometido polas patentes de software. Os espectadores, os creadores de vídeo, os desenvolvedores de software libre, os fabricantes de hardware - todos - terían outra maneira de distribuír vídeo sen patentes, cotas nin restricións. Para a FSF Google ten a suficiente influencia para converter este formato libre nun estándar global.
...De todos é coñecido que a tradución ao galego do Thunderbird 3.0 ten un erro que provoca que o aplicativo se peche de forma inesperada ao tentar traballar con contas de correo IMAP, sendo polo tanto un grave inconveniente para a nosa comunidade xa que non é posible facer uso desta nova característica da versión 3.0 usando o aplicativo en galego.
Por esta razón, dende Mancomún estivemos traballando na procura do problema e na súa posible solución. Non foi unha tarefa sinxela atopar o erro xa que podía estar en calquera das cadeas traducidas, podería deberse a un problema dunha mala codificación nalgún ficheiro, unha variable que non se incluíu ou que se incluíu nunha posición equivocada... Finalmente, comprácenos anunciar que tras un longo proceso de análise e probas sobre o Thunderbird 3.0 demos co problema.
...CENATIC patrocinará eventos da comunidade do software libre durante o ano 2010, conscientes de que estes eventos forman parte da vida das comunidades, e teñen unha enorme relevancia para elas.
Por iso, este ano farán unha dobre convocatoria de Patrocinios; unha agora en febreiro e outra en xullo. Isto lles permitirá recoller a totalidade das peticións de Patrocinio das diferentes comunidades e organizadores de eventos do mundo do software libre. Dunha forma máis aberta, con criterios iguais para todos, e nun mesmo período, poderase optar a ser patrocinado por CENATIC.
O pasado día 15 de febreiro, CENATIC publicou a primeira Convocatoria Xeral de CENATIC para patrocinar durante 2010 iniciativas de empresas e entidades no ámbito do software de fontes abertas.
Esta convocatoria está aberta á participación de persoas xurídicas, españolas ou estranxeiras, a título individual ou en agrupación ou unión temporal, con plena capacidade de obrar que non se atopen incursas nalgunha das prohibicións de contratar establecidas no artigo 20 da Lei de Contratos das Administracións Públicas que desenvolvan actividades relacionadas co impulso do uso do TIC no ámbito do Software de Fontes Abertas. As entidades que soliciten un patrocinio deberán estar ao corrente das súas obrigacións coa Administración Tributaria e coa Seguridade Social.
...Dende a OSL da USC nos informan que logo dun mes e medio de duro traballo veñen de rematar a revisión da localización da vindeira versión do contorno de escritorio GNOME 2.30.0, que sairá o 31 de marzo.
Este traballo consistiu na tradución das novas cadeas do núcleo deste contorno de escritorio así como na completa revisión das máis de 45.000 cadeas que o compoñen, en base aos consensos que a comunidade de localización galega leva acordado no último ano e medio.
Complementariamente a este traballo publican un informe, que xa enviaron á lista oficial do proxecto de localización de GNOME ao galego, no que describen o proceso seguido, así como os cambios que fixeron de cara a obter unha homoxeneidade na tradución.
...A asociación GALPon infórmanos de que un ano máis vai impartir o curso de Iniciación ao Software Libre e GNU/Linux na Universidade de Vigo, que organiza o vicerrectorado de Extensión Universitaria da Uvigo. Este curso pretende servir de introdución aos sistemas operativos baseados en GNU/Linux de forma que permite aos asistentes rachar coa inercia de traballar con software privativo e potenciar o uso de ferramentas de software libre.
O curso terá unha duración de 30 horas distribuídas nas tardes dos martes e venres de 16:00 a 19:00 horas entre o 2 de marzo e o 30 de abril (agás festivos). Impartirase na Aula Informática 105 do edificio novo da E.T.S.E. Telecomunicacións da Uvigo.
Este curso está aberto a todo o público en xeral. O custe é de 40€ para o público xeral de 30€ para os membros da comunidade universitaria e de 20€ para os bolseiros. Para os estudantes habilítalles 2 créditos de libre elección ou 1 E.C.T.S.
A matrícula xa está aberta e poderá facerse ata o día 26 deste mes.
...
A semana pasada, logo dunha longa fase de probas e correccións de erros que levou a que se publicaran ata 5 versións candidatas, por fin está dispoñible oficialmente o OpenOffice.org 3.2. Como xa informamos nas anteriores versións de probas, é posible descargalo en galego dende as seguintes ligazóns:
OpenOffice.org 3.2 en galego
Ou nesta ligazón para buscar a descarga para outros sistemas operativos ou idiomas.
Entre as melloras que incorpora esta nova versión, destacan, en xeral, a mellora nos tempos de arranque, ata un 46% máis rápido que na versión 3.0 e o esforzo por mellorar a interoperabilidade dos formatos e adaptarse e ser o máis fieis posible ao estándar ODF. Neste sentido tamén é salientable o esforzo realizado para mellorar o recoñecemento e compatibilidade cos formatos propietarios de MsOffice XML, sobre todo no relativo a formatos protexidos con contrasinal e a documentos cifrados.
...Dende GALPon nos avisan da celebración dun curso de introdución ao uso de software libre e estándares abertos, dirixido a directivas de ANPA da provincia de Pontevedra e organizado pola FANPA.
O curso terá lugar o vindeiro 27 de febreiro de 2010, de 9:30 a 14:30 horas e de 16:30 a 19:30 horas, na aula nº 1 da 3ª pranta do Centro Cultural Caixanova de Pontevedra.
Os contidos a impartir son os seguintes:
As sesións impartiranse a grupos de 10 persoas, cubríndose as prazas por rigurosa orde de inscrición.
...
Lemos na web do GPUL que este ano volven organizar a DudesConf, logo do descanso do ano pasado. O obxectivo desta reunión é semellante ao do evento internacional DebConf: reunir á comunidade de desenvolvedores e simpatizantes do proxecto Debian en España, e por que non, tamén das súas distribucións derivadas para colaborar xuntos no desenvolvemento da distribución, e ter a oportunidade de intercambiar opinións sobre o futuro do proxecto cara a cara.
A conferencia terá lugar do 9 ao 11 de abril na Facultade de Informática da UDC. Para asistir será preciso inscribirse aínda que polo momento non está aberto o prazo para facelo. O que si avanzan xa dende o GPUL é que ao igual que en anteriores ocasións, ofrecerán a posibilidade de aloxamento gratuíto no pavillón de deportes da UDC.
...Baixo a marca Abanq G2 constituíuse o primeiro Grupo Empresarial para o Desenvolvemento do Open Source, S.A., que foi fundado por empresas españolas de software para a investigación, desenvolvemento e colaboración en proxectos informáticos relevantes para as Empresas e a Administración que ata agora estaban só ao alcance de grandes corporacións.
Trátase dun caso paradigmático da nova industria do software que vén. Si só falar de colaboración entre empresas de software resulta innovador, aínda o é máis un novo modelo de explotación do software baseado en open source. Como vantaxe fronte aos estándares da gran Industria informática (localizada principalmente en EE.UU.), o Grupo ofrece coñecemento e a posibilidade de transferilo como valor engadido e convertelo nun activo para as empresas usuarias.
Segundo recolle a nota de prensa de presentación, este novo Grupo xorde da unión de empresas locais de éxito, adopta a marca Abanq e desenvolveu as ferramentas de colaboración en liña para a consecución de grandes sistemas de xestión empresariais e para a Administración. A tecnoloxía Abanq supón, polo número de implantacións industriais e profesionais, un dos sistemas de xestión empresarial -ERP- máis importante do software totalmente libre.